Os candidatos á presidencia
A cara e cruz de Quintana
A cara por
Suso de Toro
Decidido a ser un político consumadoAnxo Quintana entrou na política formando parte dun grupo de mozos afoutos que quebraron abruptamente o continuísmo político na vila ourensá de Allariz a principios dos anos oitenta. Dirixiron unha verdadeira revolta que sorprendeu e deixou atrás a uns políticos locais incapaces de reaxer tanto ante un problema de falta de auga como ante unhas mobilizacións que nin imaxinaran. A continuación o seguinte alcalde foi Quintana. Allariz cambiou completamente, para ben. Tamén cambiou Anxo Quintana, hoxe é un home aínda novo mais xa non é un mozo arroutado; todo o contrario, é un político creado na democracia e decidido a ser un político consumado. Haberá moitas leccións que aprendeu naquela experiencia política primeira, unha que seguro que aprendeu é que na política non está nada escrito e que na loita polo poder hai oportunidades e mesmo atallos. Se unha vila tan conservadora como Allariz puido ser conquistada políticamente, o poder galego non ten porque ser un tabú ou un imposíbel. Probabelmente esa autoconfianza e mais esa crenza sexan o que separa dun modo total a Quintana e o grupo xerazonal que o rodea e aúpa da “vella garda” do Bloque, que nunca soñou realmente con poder gobernar Galiza.
Quintana, si. Quere ser Presidente da Xunta, é algo elemental e claro. É un político novo e ambicioso que quere gobernar. Niso é como os demais candidatos, como Touriño ou como Feijóo. Como xa antes, cando o BNG o escolleu para ocupar ese posto, foi senador en Madrid como os demais, e ser senador marca un certo carácter, ser senador é aceptar de vez as reglas do horizonte político establecido. E iso é a novidade no nacionalismo galego, ten por primeira vez un político que fai unha carreira profesional en serio. Nacionalistas vascos e cataláns levan anos gobernando as súas institucións, esta é a primeira vez na que os nacionalistas galegos o fan, e iso é unha verdadeira revolución mental que está a transformar políticamente ao BNG.
Quintana demostrou até agora que sabe ser prudente e foi evolucionando pouco e pouco, nunca quixo saltar por riba de si mesmo. Foi dando pasos dentro do Bloque para ir asentando a súa posición interna e utilizou o cargo dunha vicepresidencia para forxar ante o electorado unha imaxe de candidato. Non hai dúbida de que soubo medir os seus pasos con cautela. É un pragmático que non facendo alboroto foi deixando caer pistas de a onde quere levar a organización que representa.
Falta saber se co tempo esas indicacións que vai dando conseguen ou non darlle unha saída histórica ao BNG, facer desa organización unha forza á que a sociedade lle dea a confianza da Presidencia. Polo de agora pódese dicir que xa ten un candidato, Anxo Quintana.
Que logo lle chamen na campaña “Quin”ou “Espartaco” son efectos colaterais de facer política hoxe.
A cruz por
Perfecto Conde
O menos malo que o menos malo Que mágoa que un mozo tan guapo resultase un político de plástico. A Anxo Quintana sácalo da trela de repetir que os de Madrid son chupasangues, Galicia (el di Galiza) é unha nación e a desigualdade ímola desterrar, e que queda? Ademais da desigualdade que xa había o que fica é a desilusión de non termos visto transformar a sociedade galega tanto como parecían querer os que predicaban que había outras modos de gobernarnos. Non foi quen de reconducir a Cidade da Cultura cara a un plantexamento más acorde coa realidade dos galegos (eu non son dos que gastan papel escribindo os dous sexos), e agora aínda vai rematar cargándolle o morto a Ánxela Bugallo, noutrora a súa musa máis divina. Prometeunos reordenar a utilización dos fondos públicos que se gastan comprando propaganda, e o que rematou armando foi un sarillo de
mass-media que, cada vez que abre a boca ou move un brazo, titulan que Quintana
is beautiful. E algo de razón levan, porque o indudábel é que o ex alcalde de Allariz converteuse nun
beautiful people da corte dos milagres da política galega.
Gustariame particularmente que o primeiro político nacionalista que chegou a gobernarnos exercese o poder con más valentía transformadora que interese partidario en ir tecendo o armadillo que lle permita perpetuarse na Xunta. Que fose máis realista e eficazmente contundente na administración que lle tocou xestionar e que non caera nos erros de repetir algunha das prácticas herdadas do fraguismo (dotación de funcionariado, entre outras). Algúns seguramente tardamos en perdoarlle que estivésemos tanto tempo agardando polos rusos e que, cando chegaron, se puxeran a xogar baloncesto (neste caso fútbol, ciclismo e algunha merendiña), que era un chiste que contabamos os da miña quinta hai moitos anos.
Quintana non comprou espellos máxicos de case 200.000 euros que lle quiten o sol do que podían protexelo unhas
Ray-Ban de 150. Ata agora limitouse a mercar
frigidaires de 40 euros para o maleteiro do coche oficial, pero algo “ossianesco” hai nel que me fai pensar en que algún día nos pode meter gato por lebre.
Aínda así, doulle o beneficio da dúbida de se é menos malo que o menos malo.