Na voz dun mariñeiro, aquí poden escoitar a peza que inspirou o relato:
A carón de Terranova, Saint Pierre et Miquelon, esa illa pequecha de dominio francés, onde recalaban no tempo do bacallau as catro tribos mariñeiras: galegos, portugueses, vascos e vascos de Muros. E en Saint Pierre, a Estrella. Tamén coñecido como o baile do comunista, porque o propietario, buzo do porto, saudaba dende o peirao: Saúde camarada! Enriba dunha mesa tocaba o acordeón Américo, un rapaz, francés de nación, que dominaba o repertorio enxebre –conforme ás peticións dos clientes- dende o Rodaballo á Rianxeira.
Tiña habido boas canfurnadas na Estrella pero fixo falta que no ano 60 arribase unha parella de bacallaeiros, o Bastiagueiro e o Riazor, para que en Terranova soubesen o que era amar festa.
A culpa foi dun de Sada: Periquete, o patrón máis novo que mandou un barco nesa auga.
A súa primeira marea moi ben non principiara. Á altura dos Azores comezou o mal tempo e os rexoubes da tripulación: moito océano para un rapaz de vintedous anos.
Pero en chegando a Canadá, conforme viron o xeo no banco da Balea, bateron co bacallao. José Antonio Blanco, honrando o seu alcume, nun periquete deixou seladas as adegas de peixe. Inmediatamente a parella puxo proa cara Saint Pierre. O desembarco foi ata o mango como din en Malpica, ou moi llongue, estilo Portosín.
O primeiro día na Estrella houbo baile e festa a eito. No amecer do segundo –como xa non sabían que habían facer- principiou unha loita.
A ninguén lle acordan os motivos, mais todos os veteranos lembran o berro de arenga que Periquete lles botou: Adelante mis muchachos! Se gañamos hai cervexas, pero se perdemos non !
No cénit da batalla comezou a correr perigo o mobiliario maior (as mesas e as cadeiras non contan, alí son de piñeiro). A señora María, patroa da casa, por fin descolgou o teléfono e chamou aos xendarmes. Como non era quen de describir polo miúdo tanta coreografía de golpes, resumiu os feitos cun berro: España en Guerra!
E a policía chegou. En todo Saint Pierre só había catro axentes. Cando viron a entidade dos contendentes: a tripulacións enteira de dous bacallaeiros, inmediatamente decidiron acuartelarse.
Escuso fozar no detalle, os festexeiros eran xente forte, tardaron dous días en cansarse.
Cando o Bastiagueiro e o Riazor arribaron de volta á Galiza, dende o Muro ao Berbés, xa se escoitaba cantar polos peiraos esta repichoca. Apeza que o maquinista Blache lle armara alén do mar ao seu patronciño novo:
O Bastiagueiro e o Riazor
a facer consumo foron a Saint Pierre
e os tripulantes pediron permiso
pra saltar en terra, despois de comer.
Así que cenaron, saltaron en terra
e para o Estrella foron a bailar.
¿Que clase de baile usaba esa xente
que houbo máis sopapos que onde os fan?.
Como empezou a función, eu non llo podo dicir
que llo diga Periquete, que tamén estaba alí.
Berregaba Periquete, á súa tripulación:
"Adelante, mis muchachos, si ganamos seis cervesas
pero si perdemos non, darlle duro da cabeza".
Aquelo foi de medo o que alí pasou
aquelo parecía un combate naval.
Teléfonos e gonios e as telefonías
e tamén o dixo a radio local.
¿Que fixeches Periquete, Periquete que fixeches?
pedazo de mamalón, quixeches tomar Saint Pierre
a estilo Napoleón.
E dentro de pouco se sabe en Betanzos
na ciudá de Sada xa o saberán,
e andan dicindo que eres unha bestia
que non tes sentido nin formalidá.
¿Que fixeches Periquete, Piriquete que fixeches?
pedazo de mamalón, quixeches tomar Saint Pierre
a estilo Napoleón.
Dixo Staffan Morling: “Galiza non é unha fin da terra, é un centro do mar”. O talento transatlántico de Blache -un de Baiona- así nolo demostra. Velaquí soa, a carón desta nota, a repichoca de Terranova na gorxa do seu autor. Música galega que naceu alén do mar. Terrícolas e terrícolos que vos preste. E gloria a Periquete! o patronciño novo que armou Saint Pierre a canfurnada maior.
Está subindo a marea, ti non quedes varado en seco.