Poderán participar no concurso grupos ou solistas de todo o mundo, con cancións gravadas de creación propia que teñan a letra en galego. As cancións serán de tema libre pero terán que ir orientadas a ser un ghit estival. A organización terá en conta este criterio á hora de desbotar posíbeis candidatas, que ademais deberán cumprir un mínimo de calidade acústica e musical.
As gravacións poderán presentarse ao concurso en CD audio ou nun arquivo de son. Tamén se admiten vídeos, sempre que a calidade sonora sexa a axeitada. Os participantes terán que enviar un pequeno texto describindo o tema, a letra e especificando os intérpretes que participan na canción. Tamén terán que facilitar varias imaxes.
Deben enviarse dúas copias de cada peza, unha a Radio Galega- San Marcos 15703 Santiago e outra a Vieiros - Rúa do Pombal, 43 Baixo - 15705 Santiago de Compostela. Tamén poderán enviarse por correo electrónico a extrarradio@crtvg.es e mais apologhit@vieiros.com. O mércores 16 de xullo pecharase o prazo para recibir cancións.
As cancións participantes iranse publicando na web do concurso por orde de chegada e serán difundidas a través dos programas da Radio Galega e da TVG. Os participantes ceden as súas obras baixo licenza Creative Commons que permite a libre desgarga, copia e distribución na rede e as obras derivadas, reservándose o dereito comercial.
Nesta edición do concurso haberá 2 premios: o premio do público resultará das votacións dos oíntes e internautas, e o premio oficial do concurso, escollido por un xurado composto por persoas relevantes do mundo da música e da comunicación.
O público poderá votar polas cancións publicadas durante todo o tempo que dure o concurso, a través da web e da Radio Galega. Á fin de garantir a fiabilidade do voto electrónico, os usuarios deberán rexistrarse e só poderán emitir un voto cada día. Os oíntes da Radio Galega poderán votar a través de chamadas telefónicas aos programas da emisora, mensaxes de contestador e sms.
O sábado 2 de agosto coñeceranse os dez finalistas, cinco escollidos polos votos dos internautas e outros cinco designados polo xurado. Abrirase así un novo prazo de votacións para escoller o gañador. A votación popular pecharase o mércores 13 de agosto ás 00:00.
O sábado 16 de agosto daranse a coñecer as cancións gañadoras, tanto en Vieiros como no programa Extrarradio da Radio Galega.
O principal premio de A Polo Ghit é a difusión das cancións participantes a través da radio e de internet. Así e todo, os gañadores das dúas categorías recibirán algo máis có recoñemento popular. Nas próximas semanas a organización comunicará a natureza dos premios desta edición do concurso: un para o gañador escollido polo xurado, e outro para a canción máis votada polo público. A organización establecerá as condicións nas que se farán efectivos os galardóns.
Calquera situación non prevista nas bases será resolta pola organización de A Polo Ghit! 2008. Coa súa participación os concursantes comprométense a aceptar estas bases.
Mándanos a túa canción gravada aos enderezos de correo electrónico
apologhit(arroba)vieiros.com e mais extrarradio(arroba)crtvg.es, ou por correo postal,
poñendo no sobre "A polo ghit", a Vieiros. Rúa do Pombal 43, soto. 15705 Santiago de
Compostela, e tamén a Extrarradio. Radio Galega. San Marcos. 15820 Santiago de
Compostela.